SARMIENTO O PRIMEIRO PRECURSOR

 


 SARMIENTO O PRIMEIRO PRECURSOR

Sarmiento foi o primeiro en darse conta e valorar este patrimonio común que conservamos e que é á vez unha das compoñentes máis significativas da nosa identidade. A fala foi durante moitos séculos un patrimonio conservado polas xentes humildes, que non sabían ler e escribir, pero eran quen de máximas como: Do mal peito, mal feito ou Das palabras non o sonido, sino no sentido.  Sarmiento sería dos poucos coñecedores neses Séculos Escuros para a literatura en galego da magnífica poesía medieval en lingua galega conservada en manuscritos que tivo ocasión de consultar, por vez primeira, en Toledo. Pero tamén el foi o primeiro en compoñer á imitación do que o pobo facía o Coloquio en mil duascentas coplas galegas, que o converte no primeiro autor da Literatura galega contemporánea.

 

TEXTO A) 

Na vila é costume

dempois qu´a coñezco

qu´os sábados todos

do ano e arreo,

 

 se faga mercado

mercando e vendendo

mil cousas do usso

con muito comerzo

 

de olas, de potes,

de asados, pucheiros,

de pratos, cazolas,

picheles e petos,

 

angazos e rodros,

rebolos e eyxos,

de rocas, de fusos,

de trouzos, sarelos,

 

de polas e polos,

de lebres, coelhos,

de pitas e ovos,

deveces son frescos,

 

marrás, bacuriños,

años e carneiros,

capós e cabirtos,

e todo a bom prezo...

(coplas da 26-31)

 

pantrigos, petadas,

ripotes e queixos,

mel e manteiguiñas

e fruitas do tempo

 

de liño, d´estopa,

de mantas, mantelos,

de cintas, de faixas

manguiñas, ourelos,

 

navallas, fouciñas

tixeiras, cuitelos,

e vingueletiños

grandes e pequenos.

 

As coles con terra

se venden por centos,

se mide a naviña

val muito diñeiro.

 

Por fin e por postre,

mal e que cansemos,

se vende , se merca,

de todo, sen termo.

 

Así pois un día

do mes de setembro

que foi dezasete

mercado o terceiro...

 

(coplas 32-37)

ACTIVIDADES SOBRE O  TEXTO A)

1- Cantos dos produtos que se venden neste mercado na Pontevedra da época de Sarmiento coñeces?

2- Coa axuda dun dicionario intenta buscar as palabras que non entendas.

3- Sarmiento facía estas enumeracións para cubrir diversos campos semánticos, organiza por campos semánticos os substantivos que aparecen.

4- Compara un mercado daquela cos de hoxe. Que semellanzas e diferenzas atopas?

TEXTO B)

Perucho:

... o rey don Phelipo

estando no leito

non sein se durmindo,

non sein se desperto,...

 

...Faltoulle o resollo

e mais os meneos,

sen febre e sem dore

se foi para o ceo...

 

Sacáronlle a maga,

botáronlle drento,

sal e vinagre,

allos e mais cheiros...

 

Maruxa:

-Fe, pu, como fedes

Perucho fedello

con conto tan podre,

tan porco e fedento.

 

Cuidein que poñías

por caso e enxempro

cando por Nadal,

no noso terreo

 

matan, lañan, salgan,

os porcos bem cheos,

e fan-os touziños

e mais os codelos.

(coplas 162, 168-219, 221-223)

 

ACTIVIDADES DO TEXTO B) 

1-Esta obra de Sarmiento é un Coloquio no que interveñen personaxes. De que cres falan nestas coplas Perucho e Maruxa?

2-Esta obra é un Coloquio de 24 rústicos, neste texto falan dous labregos. Por que cres que Maruxa se lembra do Nadal. Que ten que ver isto coa morte do Rei da que fala Perucho?

3- Localiza no textos A e B algunha ironía ou retranca? Explícaas.








Comentarios

Publicacións populares deste blog

Unha nova etapa: 2ª Avaliación

O prólogo de Cantares Gallegos de Rosalía de Castro