PRECURSORES DO REXURDIMENTO (II)

 



CAUSAS QUE PROVOCAN O REXURDIMENTO

O Rexurdimento foi consecuencia dunha serie de factores que se van dar principalmente no século XIX en Galicia:

- A influencia dos Ilustrados, especialmente Sarmiento e os seus escritos na defensa do galego, mesmo ao crear un modelo de literatura contemporánea coas súas 1200 coplas.

- A repercusión da Guerra da Independencia que vai provocar unha firme conciencia de pobo que precisaba o autogoberno.

- A difusión en prensa dos postulados políticos do liberalismo, fronte ao absolutismo centralista, descentralización e defensa das peculiaridades de Galicia.

- As ideas do romanticismo movemento que se estende por toda Europa exaltando a liberdade e as culturas autóctonas.

Temos que ter en conta que o ambiente intelectual de Galicia nace co Provincialismo politicamente falando, pero como consecuencia da represión exercida (o fusilamento dos mártires de Carral 1846) produciuse un desprazamento das reivindicacións cara ao terreo da cultura e da literatura que contribuirá á maduración do movemento literario que denominamos o Rexurdimento.

 

OS CHAMADOS PRECURSORES

Aínda que hoxe podemos considerar a Sarmiento como o primeiro dos Precursores, este termo acuñado por Manuel Murguía relacionase con aqueles escritores do século XIX anteriores ao Rexurdimento pleno que se considera a partir da publicación dos Cantares Gallegos de Rosalía de castro en 1863 e foron uns dos primeiros que fixeron grandes progresos na dignificación de Galicia, dos galegos e da lingua galega. Estes precursores nacen a partir dun movemento político-social da época, que é o Provincialismo.

O Provincialismo foi un movemento político e cultural que xurdiu en Galicia arredor do 1840 e constituíu un dos antecedentes para os grupos políticos e culturais do galego que terían lugar no século XX.

Este movemento naceu principalmente en Santiago de Compostela grazas aos estudantes desta cidade. Xurdiu como consecuencia do ambiente político da época, para defender os intereses dos galegos e para dignificar Galicia do desprestixio que tiña. De feito, debe o seu nome á oposición por parte dos provincialistas á división de Galicia en provincias, de forma incoherente, pola administración en 1833. O Provincialismo pretendía que se vise Galicia como unha soa provincia e fose chamada como era no pasado, como Reino de Galicia.

Este primeiro movemento que se divide en dous períodos (o primeiro de 1840 ata 1846, que tivo moita actividade política e literaria e o segundo desde 1854, que sobre todo tivo actividade literaria) pertencen numerosos precursores, que publicaban as súas obras en xornais e facían poemas e concursos ou grupos de intelectuais a favor da lingua galega. Os principais precursores desta época son:

 

-Francisco Añón: Foi poeta e tratou temas como os costumes galegos (como a obra ``Alma en pena´´) ou a morriña e o amor por Galicia, póndoa como un lugar idílico cunha lingua idílica, intentando borrar así os antigos prexuízos que tiñan os estranxeiros sobre Galicia (como en ``Recordos da infanza´´). Ademais fomentou a lingua galega a través de xornais nos que participou activamente como no El Idólatra de Galicia. Serviu como referencia para autores do Rexurdimento como Curros, que o representa nunha das súas obras (O divino sainete).

-Antonio Neira: Foi basicamente xornalista, e fixo un gran traballo para promover o uso do galego mediante os xornais nos que participou activamente, como, por exemplo, en El recreo compostelano, La Situación de Galicia, ou El Idólatra de Galicia.

-Antolín Faraldo: Foi escritor galego e xornalista no xornal de El Recreo Compostelano. Realizou, sobre todo, unha grande activdade política, incitando aos mozos galegos a que se deran conta da mala situación na que vivía Galicia e mediante as súas obras alentaba os levantamentos provincialistas.

 

 

DE SARMIENTO A XOÁN M. PINTOS

O precursor máis importante da época do Provincialismo e dos que virían máis tarde co Rexionalismo foi Xoán Manuel Pintos (Pontevedra 1811-Vigo, 1876). Pintos, escritor, poeta e lexicógrafo, estudou filosofía na Coruña, fixo a carreira de dereito en Santiago de Compostela (1829-1835), exerceu como avogado na Coruña (1837-1840), foi xuíz en Cambados e Pontevedra (1840-1844) e rexistrador da propiedade en Vigo (1862).

Casou en 1841 con Serafina Amando, coa que tería catorce fillos. Sabía tocar o violín e participou na Real Academia Galega en 1906. Pertenceu ao segundo grupo provincialista e defendeu a lingua e cultura galega e aos galegos mediante as súas obras poéticas e literatura.

 


PINTOS EDITOR DE SARMIENTO E POETA

A obra de Sarmiento era coñecida nos ambientes intelectuais de Galicia, pero sería Pintos quen en 1859 prepara unha edición e publica o Coloquio das 1200 coplas de Sarmiento, instaurado así como modelo literario a seguir polo poetas da época como o propio Pintos, Morales e Rosalía.

Foi o primeiro poeta importante do Rexurdimento, ou se se prefire, do Prerrexurdimento. As súas obras reflicten o seu estudo para a recuperación do galego e a súa preocupación pola eliminación dos defectos que puidese haber no galego, escribindo así, con dozura, sonoridade e sen defectos. Tamén, en moitas das súas obras, podemos ver como incita aos galegos ao uso da lingua propia de maneira correcta.

Esta preocupación pola normativización da lingua, vémola na súa obra Breve diccionario gallego, escrito por un tamborileiro para facilitar a comprensión de A Gaita Gallega, de feito axudou á Real Academia Galega co seu Glosario.

 

A maioría dos seus poemas e dalgunhas das súas obras foron publicadas en xornais ou revistas como no xornal pontevedrés El Circulador.

A súa obra máis importante e coa que se centrou máis na lingua galega foi A Gaita Gallega, publicada en 1853 e da que xa se publicaran algunhas partes no xornal pontevedrés Los Misterios de Pontevedra. Os personaxes fundamentais desta obra son Cristus que é un gaiteiro galego que fala da súa lingua e dos seus costumes galegos e Pedro Luces, tamborilero non galego que é o destinatario do contado por Cristus. Este, vaille ensinando que o galego non é una mala lingua e vaille desmentindo os prexuízos que teñen os casteláns sobre os galegos. Nesta obra, Pintos defende notablemente a nosa lingua e dignifícaa, combatendo os prexuízos sobre ela dos pasados séculos escuros. Esta obra servirá de referencia para moitos autores do Rexurdimento xa que é unha das primeiras grandes obras que defenden o uso da lingua galega e a Galicia.

 

Ademais destas obras Pintos escribiu outras vinte composicións poéticas e, antes de morrer estaba escribindo unha ao xa defunto Vesteiro Torres, que fundara en Madrid a agrupación Galicia Literaria.

 


- DE SARMIENTO A MORALES

Antonio Fernández Morales (1817-1896) Foi un militar progresista e escritor afincado no Bierzo dende neno onde aprendería o galego oriental da zona, algo que lle serviu para poñerse a escribir á altura de 1847 a petición dun filólogo catalán (Mariano Cubí) que estudaba os dialectos peninsulares. Aqueles versos que el compuxo inicialmente para satisfacer ao estudoso acabaron sendo un proxecto editorial que vería a luz en 1861 (dous anos antes que Rosalía publicase os Cantares Gallegos), Morales titulou o seu poemario de máis de 8000 versos Ensayos poéticos en dialecto berciano.  Trátase do segundo libro moderno redactado en lingua galega. Reúne 16 poemas case todos de carácter costumista onde se percibe unha riqueza léxica e unha lírica de corte realista proto- naturalista, exaltación da paisaxe e denuncia da prostración e atraso con escenas hiperrealistas que poden evidenciar ademais do retrato fiel da sociedade, do dialecto que se pretende reproducir e das tradicións, onde se aprecia unha certa denuncia social e a pegada do bon facer de Sarmiento (enumeracións léxicas, popularismo): 

Entrando logo na villa

Franca, garrida, sencilla

que honores ten de Ciudá,

un castillo hacia Castilla

o viaxeiro atopará.

...

Se logo se vai á praza,

ailí verá pampalliños,

liño en cerros pequeniños,

de Dragonte leña e caza

e de Hornixa marraniños. ...

Leite fresco de Vilela;

as tarxas de Ponferrada;

as truitas de Paradela;

de Burbia a leite mazada

i estopa de Horta en manelas.

Manteca, en grandes roscois

de tripas, de Paradiña;

de Penoselo xamois;

perdices da Veigueliña,

e de Ruitelán castrois.

De Bembibre pimentón;

nas tabernas muitas zorras;

de Galicia pescao bon;

trigo e mel de Valdeorras,

e figos de Corullón.

 ...    (Do poema Villafranca e a vendima)

 

 

Ainda non acabara

o torto de falar esto,

cuando, bufando ca cólera,

botouse a fiera correndo

Fóra da cova, entre o lume que escagallou polo suelo.

En cuanto co escuadrilao

se encarou, púxose tieso

sobre as patas, como un home,

e pra el foise dereito.

...

 

Despois que un pedazo bon

ambos luitando estuveron,

pillando a ocasión o torto,

fundiu hasta o puño mesmo

no costao zurdo do oso

dun solo golpe o cuitelo.

Pegou entonces a fiera

unhos berridos tan recios,

que pareceu polo pronto

que se escacharan os tesos,

e que tremían os valles,

e que estoupaban os cerros.

Seguidamente pegaron

tal sacudida seus nervios,

que co cazador caeu

dende o mesmo pericueto

dunhos lastrois, dando voltas

cuasi hasta o fondo do cerro.

...(Do poema A Caza Maior)

 

 

 Cuestións:

1-Organiza un pequeno vocabulario coas palabras que non entendas. Localiza castelanismos e trazos dialectais do galego do Bierzo.

2- Repara nos topónimos citados e contrástaos coa denominación actual nun plano da comarca. En que se parece o primeiro texto de Morales e o anterior de Sarmiento?

3- Procura sinalar trazos de realismo protonaturalista e outros trazos no segundo texto.

Comentarios

Publicacións populares deste blog

Unha nova etapa: 2ª Avaliación

O prólogo de Cantares Gallegos de Rosalía de Castro

SARMIENTO O PRIMEIRO PRECURSOR