COMENTAR UNHA CANTIGA

 


Imos comentar a seguir unha cantiga seguindo un esquema que será válido para todo tipo de textos comentados. Explicámolo cun exemplo práctico a partir dunha cantiga da literatura galaico portuguesa medieval.

 QUE É UN COMENTARIO LITERARIO?

•       Identificar un tema central ou idea que pretende comunicar un autor/a e argumentar cos recursos significativos do texto esa idea escollida.

•        Tamén pode ser que teñamos que localizar un autor con respecto a un texto polo seu estilo e temática.

PARTES DUN COMENTARIO

•       Lectura e información (se é preciso co dicionario)

•       Localización (xénero, autor, obra, data e contexto social e literario)

•       Interpretación ou núcleo:

                a) asunto ou resumo, tema ou idea central e punto de vista (voz lírica ou narrativa)

                b) estrutura ou partes, relacións e elementos que vertebran o texto.  (Na narrativa: personaxes, espazo, tempo e discurso)

                c) linguaxe (por niveis semántico: o ton / contido, o morfosintáctico: o ritmo/ forma e, no caso de ser poesía, o fónico: rima/sonoro-musical).

•       Valoración: Resumo e conclusións, poñendo en conexión o tema cos distintos niveis comentados a destacar como argumentos razoados que se relacionan coa idea central do texto e a súa congruencia coa obra, autor/a e corrente literaria á que pertenza.

COMENTAMOS UNHA CANTIGA?

Ondas do mar de Vigo,

se vistes meu amigo.

           E , ai Deus!, se verrá cedo.

Ondas do mar levado,

se vistes meu amado,

             E , ai Deus!, se verrá cedo.

Se vistes meu amigo,

o porque eu sospiro.

           E , ai Deus!, se verrá cedo.

Se vistes meu amado,

o por que hei gran coidado.

          E , ai Deus!, se verrá cedo.

Martín Códax

1)      LECTURA DO TEXTO: 

       Para comentar un texto precisamos varias lecturas do mesmo.

       Despexar as dúbidas do léxico.

       Deducir a idea central e distinguilas das secundarias.

       Identificar as partes nas que podemos dividilo.

       Unha gran axuda ofrece o coñecemento previo da obra e do autor.


2) LOCALIZACIÓN: 

     No caso da cantiga de amigo de Martín Códax, xograr do século XIII época do esplendor da lírica galaico-portuguesa, en pleno auxe da moda do amor cortés.

 

 3) INTERPRETACIÓN DA LINGUAXE (NÚCLEO DO COMENTARIO)

a)      Identificar un tema central: asunto ou resumo, tema e punto de vista

-          Deducir a idea central e distinguila das secundarias.

-          Identificar as partes nas que podemos dividilo.

-          Unha gran axuda ofrece o coñecemento previo da obra e do autor.

O asunto ou resumo e os recursos máis significativos axúdannos:

  Asunto: Unha muller namorada intranquila pregúntalle ao mar (simbolismo da natureza, reforzado con adxectivos como levado) polo seu amigo, ao cal non ve, logo despraza a queixa a Deus ante a incerteza reiterada da non presenza do que tanto ama e polo tanto sofre.

       Do asunto (ou resumo) deducimos o tema.

Tema :  A queixa (ou incertidume) pola ausencia (ou retraso) do namorado.

 Do punto de vista á estrutura (voz lírica) que emprega o autor pasaremos a analizar a estrutura do texto. 

Se o punto de vista é lírico: tipo de estrofas (partes que apreciamos tendo en conta o contido semántico do poema (tamén podemos realizar agora unha análise da estrutura formal (estrofas, tipo de poema)

   Punto de vista: Eu escécino. Martín Códax cede a voz a unha muller namorada para expresar os seu ssentimentos amorosos.

 


 b)  Estrutura:  Dúas partes:  1ª Presentación: Unha primera na que a namorada indica o interlocutor simbólico (o mar) escollido para manifestar os seus sentimentos, especialmente o da súa incertidume ante a ausencia do amigo. 

Na segunda intensificación da idea central parte aparece xa a queixa ante a incerteza do encontro co namorado. Como se pode observar as cantigas de amigo presentan habitualmente unha serie de elementos narrativos: personaxes (namorada, amigo, confidentes ou interlocutores e espazos). Neste caso a localización sitúanos en Vigo e ante o mar que é o confidente escollido o que determina o subtipo de cantiga ou modalidade xenérica: unha cantiga de amigo mariña ou barcarola. 

 

c)       Interpretación do nivel semántico de contido: Procuramos no contido argumentos para defender o que para nós é a idea centarl do texto. 

Atopamos un ton anguriado e lastimeiro da namorada ante o mar de Vigo que deducimos de:

 - As cadeas léxicas: Do mar (ondas, mar levado e Vigo) e da preocupación/queixa (vistes, verrá, sospiro, coidado)

- As connotacións ou suxestións a partir das palabras do texto a ideas que se deducen tras da lectura: Por exemplo: a da incerteza e da queixa pola ausencia e o amor que lle ten (se verrá cedo/ gran coidado)

A queixa elévase no refrán cunha expresión ai Deus! converténdo tamén a ese Deus en certa maneira en interlocutor interior espiritual, a outro nivel que o confidente central do mar (exterior). 

- Nos artificios semánticos como o epíteto “levado” que acompaña ineludiblemente ao símbolo, ou metáfora continuada do mar = paixón amorosa inzado de connotacións (ideas que suxiren as ondas tanto o baño previo ao encontro desexado) ademais de ser o receptor confidente principal escollido para interpelar, ao que confesar o seu sufrimento como namorada, un elemento material da paisaxe natural cuxa presenza pode levala ao seu amado, punto de encontro. As ondas do mar de Vigo convértense así nunha especie de locus amoenus propiciatorio do amor.


d) Interpretación do nivel morfosintáctico ou formal:

O dinamismo é lento (ou negativo) recreándose na incertidume e queixa da namorada que deducimos de:  

- Elementos gramaticais adxectivos e adverbios (repetidos e intensifican o contido que se expresa)

- Enunciados subordinados (non son ideas referencias, presentan subordinación e complexidade)

 - Artificios formais de repetición: paralelismo, refrán e leixaprén, Explicitar o uso do recurso.

 

e) Interpretación do nivel fonolóxico: musicalidade da cantiga

O gusto polo paralelismo das cobras dobras ou estrofas de pareados con rima consonante (nun caso asonante). A rima femia ou grave aa refrán /bb refrán /aa refrán,/bb refrán.) denota certa irregularidade e o elemento tradicional do leixaprén e refrán propios do estilo dun xograr popularizante.

4- VALORACIÓN

 Trátase dun poema da época de auxe da lírica galaico-portuguesa, cantiga de amigo de carácter tradicional tanto pola temática posta en boca dunha muller, como polos recursos semánticos, unha barcarola (espazos naturais abertos e simbolismo do mar confidente da súa incerteza e desacougo), formais e sonoros (paralelismo-leixaprén) mesmo polo uso do refrán, tamén de corte tradicional. Ademais atopamos trazos trobadorescos (sentimento interior de cuita ou sufrimento da namorada, exclamación a Deus)

O autor emprega pois elementos tradicionais que combina cos elementos trobadorescos evidenciando un momento central e maduro do esplendor medieval da nosa lírica.  É un xograr da Ría de Vigo do que se coñecen ademais do texto as melodías musicais coas que adoitaban interpetar as súas cantigas, e que forman parte do famoso Pergamño Vindel, un dos textos máis significativos da nosa Literatura Medieval.


Sedia-m' eu na ermida de San Simión

e cercaron-mi-as ondas que grandes son.

Eu atendend´o meu amigu'! E verrá?


Estando na ermida, ant' o altar,

cercaron-mi-as ondas grandes do mar.

Eu atenden[d´o meu amigu'! E verrá?]


E cercaron-mi-as ondas que grandes son:

non ei [i] barqueiro nen remador.

Eu [atendend´o meu amigu'! E verrá?]


E cercaron-mi-as ondas do alto mar:

non ei [i] barqueiro ne sei remar.

Eu aten[dend´o meu amigu'! E verrá?]


Non ei i barqueiro nen remador:

morrerei “eu”, fremosa, no mar maior.

Eu aten[dend´o meu amigu'! E verrá?]


Non ei [i] barqueiro nen sei remar:

morrerei eu, fremosa no alto mar.

Eu [atendend´o meu amigu'! E verrá?]


Meendinho


1-LECTURA E INFORMACIÓN (Consultar o dicionario no caso de dúbidas na comprensión)

Este texto é un texto escrito en galego-portugués e haberá palabras ou expresións que teñamos que consultar.

Por exemplo atendendo: Será "esperando" relacionable con verbo atendre do francés.

verrá: do verbo vir en futuro  "virá, chegará "



2- LOCALIZACIÓN: (Datar ou contextualizar o texto nunha época, unha autoría concreta axuda tanto a identificar o tema como a elaborar os argumentos que logo daremos no comentario)

Neste caso contamos como punto de partida o nome do autor: Meendinho, un xograr da contorna da Ría de Vigo que vive no século XIII en pleno esplendor medieval da Lírica galego-portuguesa, logo será unha mostra do vigor e da gran difusión deste tipo de textos amorosos. 

3- INTERPRETACIÓN

3.1 ASUNTO, TEMA E PUNTO DE VISTA:

Unha muller sentada na capela da illa de San Simón na que espera ao seu namorado. Atopase rodeada pola marea que vai subindo e medrando, sen que ela atope o que a leve á terra polo que pensa que vai morrer mentres se pregunta insistentemente se virá o seu amigo. 

O TEMA: A angustia e soidade da namorada. 

PUNTO DE VISTA: “Eu escénico” é dicir, Meendinho expresa o sentimento central antedito a través da boca dunha muller, unha convención do xénero. 

ESTRUTURA : Vertebrado en tres partes perfectamente diferenciados polo recurso que logo comentaremos do leixaprén que subdivide grupos de dúas estrofas, denominadas “covras” no argot medieval. Unha primeira para localizar e presentar ao personaxe central, mesmo a presenza do mar ameazante. A segunda que son as estrofas terceira e cuarta onde se comeza a central o tema da soidade da namorada. E a terceira (estrofas V e VI) evidencia unha intensificación coa aparición da angustia en grao máximo ao augurarse a morte da doncela. Unha estrutura  de menos a máis cunha gradación “in crescendo” moi consistente. Do “seríame” ou “sedíame”, é dicir, estar sentada, evocando a espera na que se atopa cumprindo co tópico das cantigas de amigo pasa a estar ante o altar (a pé) para escenificar mellor a evolución cara a angustia final. 

LINGUAXE LITERARIA:
A) SEMÁNTICA OU DE CONTIDO: Debemos observar dúas máis que evidentes cadeas léxicas de termos referidos o sacro (ermida, altar, San Simión) ao marítimo ( mar ondas, barqueiro, remador) . O primeiro terá unha connotación do “acolledor” como ben sinala Ramón Gutiérrez Izquierdo nun comentario desta cantiga fronte ao “intimidatorio” do segundo. Aínda que máis ben o primeiro contribúe a marcar con contundencia a ausencia de salvadores dos perigos do mar que son evidentemente simbólicos.  A simboloxía do mar, esa paisaxe case que personificada de emocións propias dos homes e das mulleres da paixón amorosa.  Unha transición da cantiga de romaría que poderia evocar un posible locus amoenus frustrado pola ausencia e soidade coa que conclúe esta cantiga mariña.  A situación inicial nunha illa (determinante da soidade e illamento inicial que vai cobrando intensidade). Faise necesario comentar o que suxire o verbo “cercáronmi” (rodear para atacar, asediar) linguaxe de evocacións bélicas que redunda na mesma idea.  A isto se lle engaden as negacións reiteradas e os epítetos grandes, alto, maior referido as ondas e ao mar, ou o que debemos entender como maior angustia amorosa. Hai quen opina que o refrán remataba cunha pregunta quizás retórica ( “ e verrá?”: e virá?), pero que en todo caso introduce maior énfase e unha incerteza a modo de premonición sobre o final da cantiga. É de sinalar a utilización dun verbo en futuro, premonitorio do “morrerei” que se presenta ao final fronte ao valor durativo dos xerundios do refrán “atendendo”.
A todo isto, marcando definitivamente o ton sombrío e pesimista, desesperanzado da namorada da cantiga,  concorren dous novos elementos que fan desta cantiga unha peza singular: os tópicos de “morrer de amor”, que aquí aparece baixo o aspecto dun mar maior ou un alto mar (outra vez os epítetos reforzando a axitación/ excitación do amor e subliñando a poderosa forza dos tópicos tan frecuentes na lírica medieval como na de todos os tempos) e a da dona virxe e nova, “fremosa” calidade intrínseca aos namorados que se contrapón á súa vez á idea da morte afogada nun mar de paixón ante a ausencia do amigo.  Soidade e angustia do mar da namorada na  belicosa sociedade medieval na que as mulleres é frecuente que sufran a ausencia dos homes en permanente guerra e coa incógnita de se volverá ou non. 

B) FORMAL  OU MORFOSINTÁCTICA: As seis estrofas desta cantiga formadas por dísticos monorrimos e un refrán están unidas polos paralelismos e o leixaprén provocando unha lenta progresión da que poderíamos denominar “acción” que conduce cara a angustia e o desespero co que conclúe. O leixaprén evoca o movemento das ondas e da marea, creando ese ritmo negativo do texto que colabora a que o lector ou oínte da cantiga comprenda axiña os valores connotados e o tema central, da angustia na espera e cun final ben incerto ou máis ben nefasto. Tense falado dun refrán obsesivo co verbo “atendendo” reiterado sistematicamente, a modo de rezo.

C) FONÉTICA: É de destacar a falta de homoxeneidade e irregularidade da rima acorde cos modelos e lírica da época (hendecasílabos e versos do refrán octosílabos). Pero máis digno de mención se cadra son certas aliteracións de sons  nasais  “m” “n” en combinación cos “r” vibrantes ( tamén coas rimas en –ar, -or)  no verso “morrerei fremosa no mar maior” que semella o ruído das ondas. Outro menos visible o dos sons “nd” e o “t” un efecto sonoro  como un insistente latexo.
 
 VALORACIÓN: Estamos pois ante unha cantiga de amigo en boca dunha namorada que presenta moi claros signos do seu carácter autóctono ou tradicional polo seu uso da paisaxe e os elementos simbólicos do mar maxistralmente situados a carón doutros tópicos que poderíamos dicir son máis propios da filosofía do amor cortés da lírica provenzal ou trobadoresca (os tópicos da perfección da dama e o de “morrer de amor”). Outros recursos que presenta a cantiga de corte tradicional serán o paralelismo e o leixaprén que xunto coas irregularidades da rima e o anteriormente citado redundan na valía desta peza pola marabillosa combinación de elementos tan tradicionais na lírica autóctona, como doutros que non o son, e resultan determinantes noutras moitas cantigas para amosar  como se fusionan o tradicional e o trobadoresco.  Nesta cantiga a conxunción dos mellores recursos tradicionais e trobadorescos permítenos confirmar a madurez dos xograres e trobadores da época e a capacidade á hora de recrear e facer confluír trazos de ambas procedencias polo que este autor, Meendinho faise claramente representativo deste período de esplendor Lírica Medieval galego-portuguesa, a pesar de só conservarse esta cantiga da súa autoría.



Comentarios

Publicacións populares deste blog

CONTIDOS 3ª Avaliación

CONTIDOS DA 1ª AVALIACiÓN

UNIDADE 1/ A LÍRICA MEDIEVAL AMOROSA GALEGO -PORTUGUESA