LETRAS GALEGAS 2025: Por que mulleres? Que lles debemos ás nosas cantareiras?

 


No ano 2025 a Real Academia Galega
dedícalle este Día  das Letras ás pandeireteiras e a tradición oral
popular, un conxunto de centos e miles de mulleres que habitualmente foron e son aínda anónimas, pero que a Academia decide singularizar en 6 cantareiras xa falecidas como son Rosa e Adolfina Casás, Eva Castiñeira e as pandeireteiras de Mens (Prudencia e Asunción Garrido, Teresa García e Manuela Lema). Dalgún xeito se homenaxea ás que lograron manter viva a tradición oral de séculos ata os nosos días, que estando a piques de botarse a perder, como consecuencia de que se foi esmorecendo o mundo rural e labrego en gran medida.  Mais nos anos setenta e oitenta do século pasado o traballo de recolleitas e cancioneiros (especialmente o Cancioneiro de Dorothé Schubarth)  e a actividade recuperadora de grupos musicais e asociacións folclóricas fixo que cun carácter máis urbano a tradición oral siga viva na boca da mocidade e con novas fórmulas de dinamización, concertos e festivais, escolas de música ademais dunha recuperación das foliadas e seráns semellantes ás de outrora. 

Por que ás mulleres?  Xa o deixou dito Sarmiento (o primeiro en interesarse e recoller cantos populares galegos):

En Galicia as mulleres non son soamente poetas senón músicas naturais. En Castela e Portugal e outras provincias os homes son os que compoñen as coplas e inventan os tons e aires e así se ve que neste xénero das coplas populares falan os homes coas mulleres. No meu país é ao contrario, na maior parte falan as mulleres cos homes e é por que elas son as que compoñen as coplas e elas mesmas inventan os tons  e os aires que han de cantar.

                        Martín Sarmiento en Memorias para la historia de la poesía y poetas españoles

As foliadas ou seráns, mesmo moitas outras actividades de traballo nas aldeas, como as fiadas nas que tras o duro traballo de fiar se remataban con diversión e baile.  Eran organizadas tradicionalmente e desde antigo polas mulleres e logo os mozos asistían invitados a ese espazo liderado claramente polas mozas.  


Que lle debemos ás nosas cantareiras?

Hai que agradecer, en primeiro lugar, a súa constancia para poder legar e transmitir un rico e enorme patrimonio oral, de mantelo con vida en circunstancias difíciles ata os nosos días e permitir que da súa boca xenerosa se recollese.  O Cancioneiro Popular Galego de Dorothé Schubarth e Antón Santamarina (un traballo dunha musicóloga suíza co apoio dun filólogo e folclorista galego) é un dos máis destacados de toda Europa. Debemos agradecer este legado porque é unha marca de identidade que une lingua e canto (música) e que comporta unha forma de coñecemento das nosas raíces culturais como pobo. Debemos agracederlles por último a oportunidade de manter viva e poder ser as novas xeracións trasmisoras para as xeracións futuras deste patrimonio impresionantemente rico e fecundo.  Castelao dixo que a tradición era a eternidade, elas, certamente, permitiron en gran medida que sigamos sendo un pobo con identidade. 



Comentarios

Publicacións populares deste blog

CONTIDOS DA PROBA DA 3ª Avalición

BEGOÑA CAAMAÑO, AS LETRAS DO 2026

CONTIDOS DA 1ª AVALIACiÓN