XORNADA ESCOLAR DA NON VIOLENCIA

 

Tras o bombardeo con napalm en Viet Nam 1972

Digo bomba de fósforo.

Apenas digo nada.

 

Digo lombriga e larva

de carne podrecida.

 

Digo nenos de napalm,

terror de noite e selva,

fedor de cidade e cloaca.

 

Fame, suor, aldraxe,

pugas de aceiro, antropofaxia.

 

Digo guerra bestial,

tremor de terra, crime, lume, lava,

estoupido, verdugo

e mortandade en masa.

Digo gas abafante.

 

Apenas digo nada.

Digo yanqui invasor,

depredador de patrias.

 

Digo plutonio, pentágono,

esterco bursátil, palanca,

Presidente, gadoupa,

chuvia, amargura, baba.

 

Digo petróleo, ferro,

mineral, trampa,

lobo, caimán, polaris, cóbrega,

miseria, diplomacia.

Digo devastación que USA, usa.

 

Apenas digo nada.

Digo Viet Nam i está xa dito todo

cunha soia palabra.

 

Pra abranguer a vergonza do mundo,

digo Viet Nam e basta.


Celso Emilio Ferreiro, Viaxe ao país dos ananos.


1- Repara na foto. Logo no tema e recursos deste poema

2- Por que se celebra esta xornada? Para responder podes consultar 

no blog da biblioteca  Enumera situacións actuais nas que se estea vivindo un conflito armado ou non e estean a morrer menores. Existe algún continente en que non ocorra?  Repara tamén na cantidade de menores que falecen como consecuencia da maior das violencias que é a inxusticia no mundo.

 Rematamos cun poema de Celso Emilio  que nos pode axudar a entender.


 IRMAUS 

Camiñan ao meu rente moitos homes.

Non os coñezo. Sonme estranos.

Pero ti, que te alcontras alá lonxe,

máis alá dos desertos e dos lagos,

máis alá das sabanas e das illas,

coma un irmáu che falo.

 

Si é túa a miña noite,

si choran os meus ollos o teu pranto,

si os nosos berros son igoales,

coma un irmau che falo.

Anque as nosas palabras sean distintas,

e ti negro i eu branco,

si temos semellantes as feridas,

coma un irmau che falo.

 

Por enriba de tódalas fronteiras,

por enriba de muros e valados,

si os nosos soños son igoales,

coma un irmau che falo.

 

Común temos a patria,

común a loita, ambos.

A miña mau che dou,

coma un irmau che falo.


 Celso Emilio Ferreiro (Longa noite de pedra)

Comentarios

Publicacións populares deste blog

CONTIDOS 3ª Avaliación

CONTIDOS DA 1ª AVALIACiÓN

UNIDADE 1/ A LÍRICA MEDIEVAL AMOROSA GALEGO -PORTUGUESA