A MEMORIA DE NOSO (I): Para que temos a memoria?


Yolanda Castaño diante dunha imaxe de Rosalía de Castro


     A memoria é unha capacidade altamente humana asociada á educación, unha ferramenta da que a humanidade sempre se soubo servir para progresar. Mais o progreso precisa saber usar esa faceta da nosa identidade que é quen de construír un futuro mellor. A memoria é cultura e a cultura ensina, sobre todo, a cuestionar as cousas, algo que coa ignorancia, xa non digamos coa necidade e desprovistos da memoria non sería posible. O espírito crítico é polo tanto unha das herdanzas máis necesarias asociadas á memoria.  De feito a crítica nace do coñecemento e, en especial, da discusión sobre o coñecido, o interese por superar os erros do pasado e despois de aprender dese mesmo pasado. Imaxinar e soñar o futuro é algo tamén moi humano. Exerzamos de seres humanos, de persoas con memoria e educación, con coñecementos e espírito crítico, de formación para o futuro co que soñamos.

    A nosa adolescencia é un camiño de ruptura e cuestionamento do pasado, pero a opinión debe formase a partir da ensinanza cultural dos valores que nos representan como seres que somos, cargados logo de memoria e crítica, esa é a fragua da queixa e da elección á que nos chegamos finalmente ao estar no bacharelato. Vainos pedir que opinemos, que deamos pasos e medremos como seres autónomos, capaces de xerar e soster coas nosas mans un futuro de progreso. 

    No mundo hai dous tipos de humanos, os que se resisten aos cambios e pretenden conservar o estado no que viven, desatentos á memoria e aqueles outros dispostos a mellorar, asentados nunha opinión crítica produto dunha educación fértil, aqueles que souberon escuitar e saborear a liberdade que outorgan coñecementos cuestionados e argumentan e opinan con criterio.  Agora ben, isto resulta logo o máis difícil. Non todas as opinións son respectables, aínda que todas as persoas teñan dereito, xusto e lexítimo a opinar. Isto é unha lección tamén  e pouco doada de aprender porque nos obriga a estar atentas/os, ler e reflexionar, afiar a ferramenta da memoria que pode axudar, deducir a verdade e defendela.     

Todas as persoas somos seres curiosos, temos afán de saber, porque sempre hai preguntas por responder se desexamos medrar. 

        O afán de saber como se produce?  Pois imos ilustralo cun coitelo que corta ou non, porque está, ou non, ben afiado. Se non temos coitelo de ferro (na prehistoria non o tiñan) cortaban con pedras pulidas, logo foron atopando e elaborando outras ferramentas cada vez máis acaídas para este labor. Cales son as ferramentas do saber? Sen dúbida moitas. O coñecemento implica  o uso da memoria de noso e da educación para medrar, entre outras.
 A educación e a cultura débenlle moito á memoria. Entón para que serve a memoria? Non se trata de memorizar datos e máis datos por almacenar na nosa mente, senón preguntarse sobre o pasado para construír o futuro, para solucionar no día a día o noso alimento. Para cortar a carne ou o peixe, é mellor ter ferramentas axeitadas, e ademais ter afiada a nosa curiosidade, o noso afán por saber. 

        Estes días hai un debate nas redes sobre o que unha muller opinaba da lectura. Manifestou que non lle gustaba ler. Pois ben, pode non gustarche a lectura, pero ninguén dúbida que a lectura é unha boa ferramenta de aprendizaxe e de pracer. Afortunadamente a humanidade é diversa e pode resolver esta necesidade do saber non só coa lectura. Hai no mundo unha chea de xentes que son analfabetas e unha chea de sociedades alfabetizadas. Unhas e outras non deixan de ser curiosas, para unhas pode resultarlles máis doado atopar respostas porque teñen o coitelo mellor afiado, ou simplemente porque teñen coitelos. Podemos chegar a un mesmo lugar andando, en bicicleta, en coche ou en avión, dispoñemos de distintas fórmulas para viaxar polo coñecemento certamente, uns usan unhas outras varían, unhas poden ser máis rápidas, outras máis lentas, pero hai lugares aos que non se pode ir en avión, aos que só podemos ir andando ou aos que é mellor chegar andando. Así de caprichoso e apaixonante, pracenteiro e necesario é iso de procurar saber de nós.                                                                                                                                                                                   

    Nós é un pronome que nos identifica e que parte do eu que somos na infancia, aquela etapa na que somos aínda mudos, incapaces de nos expresar como un adulto. A fala, a linguaxe é outra das grandes ferramentas do saber. O pensamento humano precisa das palabras, logo parece ineludible e imprescindible usalas para medrar e para saber de nós.  A actividade do seres humanos pasa por etapas inequívocas de maduración. A infancia do eu e a descuberta posterior do nós que coincide coa entrada na corrente da adolescencia desemboca na reafirmación do eu, ante ti e ante o nós, agora máis e mellor contrastados. É aí onde comezamos a ter opinión argumentada coa nosa personalidade máis madura e capaz, entramos no Bacharelato. 


ACTIVIDADES:  SABER DE NÓS 1: 

En 2003 Leilía recuperaba da rica tradición oral galaico-portuguesa este tema que titulou:  O meu amor..

O meu amor se ti fores
lévame podendo ser
eu teño de ir acabar
onde ti fores morrer

Eu hei de morrer cantando
xa que chorando nacín
as marabillas do mundo
acabaron para min

O meu amor se ti fores
lévame pudendo ser
eu teño de ir acabar
onde ti fores morrer


Con motivo do Día das Letras Galegas deste ano 2025 o grupo As Tanxugueiras realizaba unha versión que escoitamos a seguir:  

                                                                                             

Adicado a todas aquelas mulleres que gardaron nas súas gorxas o eco das letras e melodías, sementando nelas a memoria que hoxe nos constrúe. Por facer do voso cantar un camiño con principio, pero sen final. E a Leilía, grazas por ser a porta de entrada cara as nosas antergas para moitas de nós. Tanxugueiras (17 de maio 2025)

OPINA E COMENTA: 

1-  Por que esta cantiga é froito da memoria?

2- De que cres que trata esta cantiga analizando a súa letra? 

O meu amor se ti fores
lévame pudendo ser...

Eu hei de morrer cantando
xa que chorando nacín...

As marabillas do mundo
xa acabaron para min...    

Comentarios

Publicacións populares deste blog

CONTIDOS 3ª Avaliación

CONTIDOS DA 1ª AVALIACiÓN

UNIDADE 1/ A LÍRICA MEDIEVAL AMOROSA GALEGO -PORTUGUESA